A posta en marcha da Convención marcaría un antes e un despois
Amnistía Internacional lamenta que, polo momento, a reforma do Código Penal español non contemple o delito de desaparición forzada
A organización pedirá á Audiencia Provincial de Pontevedra que considere un
crime contra a humanidade o asasinato de 4 canteiros de Salceda en novembro
de 1936, arquivado polo Xulgado de Porriño
Imaxinade esperar a que os vosos seres queridos volvan a casa un día
calquera e que ese día acaba converténdose no resto das súas vidas.
Imaxinade esperarlles sen saber onde están ou ata sen saber se seguen vivos.
Imaxinen chamar a todas as portas para intentar pescudar onde poden estar e
non saber que máis poden facer. Esa é a vida de moitos familiares de
desaparecidos en todas as rexións do mundo. O domingo 30 de agosto, Día
Internacional dos Desaparecidos, é unha data na que recordar a súa loita e
esixir xustiza. Centos de miles de casos de desaparición forzada seguen sen resolverse e cada ano denúncianse novos casos. Os gobernos continúan utilizando as desaparicións forzadas para acalar a disidencia, para eliminar calquera tipo de oposición política, para perseguir a grupos étnicos, relixiosos e políticos, e como arma de represión. E logo de décadas, seguen sen investigarse miles de casos de desaparicións.
Unha nova ferramenta contra a desaparición forzadaA comunidade internacional ten unha nova ferramenta para combater esta
praga. A Convención Internacional para a Protección de Todas as Persoas
contra as Desaparicións Forzadas, adoptada en 2006, malia que aínda non
entrou en vigor, podería supor un punto de inflexión. Só se necesitan sete
ratificacións máis para que este tratado entre en vigor e conceda a aqueles
que buscan aos seus seres queridos un apoio moi necesario. Amnistía
Internacional pide aos gobernos que celebren o Día Internacional dos
Desaparecidos deste ano dando prioridade á ratificación deste tratado e
anunciando cando van facelo.
Desaparecidos en EspañaValoramos positivamente que o Goberno español teña realizado todos os
trámites necesarios para a ratificación a finais de setembro da Convención
Internacional, pero esiximo coherencia en iniciativas lexislativas como a
actual reforma do Código Penal. O actual Anteproxecto de lei non contempla a
desaparición forzada de persoas como delito autónomo imprescriptible. Por
iso, Amnistía recomenda que se inclúa o delito de desaparición forzada de
persoas e se defina conforme ás esixencias do dereito internacional.
Sen xustiza para os desaparecidos da Guerra Civil e o franquismoXa tras a aprobación en decembro de 2007 da Lei de Memoria Histórica,
Amnistía Internacional lamentou que ese texto deixase á marxe a vítimas de
graves crimes de dereito internacional, por exemplo as vítimas de
desaparicións forzadas, execucións extraxudiciais ou torturas durante a
Guerra Civil e o franquismo. Decenas de miles de persoas foron vítimas
destes graves crimes. Con todo, o Goberno non facilita información sobre os
desaparecidos, limítanse as vías de acceso á xustiza aos familiares e o
Estado non asume a súa responsabilidade en materia de exhumacións de acordo á normativa internacional.
Unha soa resolución xudicial ata hoxe en GaliciaEntre estes casos arquivados atópase o do Xulgado de Primeira Instancia e
Instrución número 2 de Porriño, que en maio arquivou a causa pola detención
e asasinato de catro canteiros de Salceda de Caselas en novembro de 1936
aducindo a prescrición dos delitos. A resolución produciuse tras a denuncia,
en marzo, da Asociación de Memoria Histórica do 36 de Ponteareas, os
alcaldes de Porriño e Salceda e familiares dos represaliados, e tras a
chegada o 31 de marzo de 2009 ao Xulgado de Porriño do procedemento sumarial 53/08 procedente do Xulgado Central de Instrución nº 5 de Madrid a consecuencia do auto de inhibición do xuíz Baltasar Garzón. En maio, a Asociación de Memoria Histórica do 36 de Ponteareas recorreu a decisión do Xulgado de Porriño ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, que aínda non decidiu respecto diso.
Amnistía Internacional remitirá nos próximos días á Audiencia e a Fiscalía
os informes publicados pola organización que detallan por que eses crimes
deben considerarse crimes contra a humanidade, avogando pola intervención
xudicial neste proceso. Pola súa banda, co consentimento dos familiares das
vítimas, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica exhumará esta
fosa no mes de setembro.